A Deputación subvenciona as actividades de dinamización do Castro de Baroña

    PORTO DO SON> A Deputación da Coruña segue a apostar pola posta en valor e promoción do Castro de Baroña. Un ano máis, o ente provincial asinou un convenio de colaboración co concello para o apoio das actividades desenvolvidas dende o centro de interpretación do xacemento. A Deputación da Coruña destinará vinte mil euros, máis do sesenta e cinco por cento do total, a sufragar o programa de actividades do Centro de Interpretación do Castro de Baroña. Trátase da renovación dun acordo de colaboración que concello e Deputación manteñen anualmente para a dinamización dun dos elementos arqueolóxicos máis importantes do patrimonio galego. A maior parte da subvención irá destinada ó mantemento dun técnico no centro e á organización da feira celta así como á organización de visitas guiadas e actividades divulgativas en torno ó castro. O esforzo inversor realizado polas dúas administracións contribuíu a incrementar considerablemente o número de visitas ó xacemento castrexo que nos últimos meses se duplicou. O concello seguirá a buscar financiamento tanto na Xunta como na Deputación para seguir a recuperar o castro e promover a súa difusión deste Ben de Interese Cultural.