O goberno boirense saca adiante en solitario a suba do IBI

BOIRO> Coa ausencia de varios concelleiros, en concreto a voceira de Boiro Novo, Dores Torrado, e a edil do BNG, Patricia Silva, e as críticas da oposición pola hora e día da convocatoria, comezaba a primeira hora desta mañá o pleno extraordinario.

Na orde do día incluíanse un total de sete puntos. Aínda así a atención do debate centrouse en dous principalmente.

A modificación da ordenanza reguladora da taxa pola inmobilización, retirada e depósito de vehículos na vía pública e a do imposto de bens inmobles, o coñecido como IBI ou contribución.

Os dous puntos saíron adiante cos votos a favor, en solitario, do equipo de goberno.

Na súa intervención tanto o edil de facenda Luís Ruíz coma o alcalde, José Ramón Romero, esgrimiron as razóns polas que se optou por esta suba destes dous impostos.

Do outro lado a oposición. O BNG e o PP cargaron duramente contra o executivo por esta decisión, argumentando que se trata dunha suba desproporcionada e inxusta para os veciños, para tratar de agochar unha situación económica crítica das arcas municipais.

Na sesión tamén se aprobaron as obras a incluír no Plan provincial de Cooperación da Deputación da Coruña, o POS+ adicional 2024 cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG; e os festivos locais para o ano 2025, que se estableceron o martes 24 de xuño, día de San Xoán; e o mércores 16 de xullo, Día do Carme.