O BNG denuncia que leva tres meses sen poder acceder á documentación municipal

    RIBEIRA> Os nacionalistas consideran que se trata dun feito qmoi grave, xa que prexudica o seu labor de control e fiscalización das acción do goberno municipal. Os catro edís cos que conta o BNG na corporación municipal ribeirense decidiron saír ós medios para denunciar as formas e a falla de transparencia do equipo de goberno local. segundo explicou o seu portavoz, Xosé Antonio Vázquez Cobas, o seu grupo leva tres meses sen recibir as actas da xunta de goberno local, a última data do pasado catro de xuño. Un feito que cualifican de moi grave, xa que se lles está a negar o acceso á documentación municipal, e con el, o poder desempeñar o seu labor fiscalizador e de control ó goberno. O BNG ribeirense xa presentou un escrito no concello dirixido tanto ó alcalde coma ó propio secretario municipal esixindo que se lles remita toda a documentación en tempo e forma, tal e como teñen dereito. Dende o executivo ribeirense confirmaron que no concello non se recibiu ningunha queixa nin verbal nin por escrito ata o día de hoxe por este asunto. Ademais aseguraron que os grupos con representación municipal son coñecedores de que poden consultar os borradores das xuntas de goberno local no caso de que aínda non lle foran entregadas. Si son conscientes de que puidera existir algunha tardanza, xa que ó ser época estival, hai traballadores municipais de vacacións, o que podería conlevar un certo retraso na entrega da documentación solicitada.