Veciños de Cures denuncian a falla de servizos básicos na parroquia

BOIRO> Veciños de Cures denuncian o abandono desta parroquia boirense. Ademais de carecer de saneamento, botan de menos outros servizos básicos relacionados coa limpeza e a recollida de lixo.

Os veciños da parroquia de Cures, en Boiro, levan tempo demandando a conexión das súas vivendas á rede de saneamento. Hai uns cinco anos, aproveitando a pavimentación de varios dos camiños da aldea, executáronse tamén as canalizacións de auga e sumidoiros pero seguen en desuso.

Protestan tamén porque ademais de carecer do servizo tiveron que pagar a metade da instalación, o que consideran un agravio comparativo con residentes doutros núcleos que si dispoñen de infraestruturas hidráulicas financiadas pola administración pública.

Os problemas co saneamento non son o único motivo de queixas por parte da veciñanza que reclama tamén a limpeza e instalación de máis contedores para a recollida selectiva do lixo.

Pola súa banda, dende o concello de Boiro aclararon que a situación de Cures repítese en outros núcleos do municipio afastados xeograficamente da depuradora de Cabo de Cruz. A conexión á rede xeral sería inviable dado o elevado custo da execución e mantemento dos pozos de bombeo polo que están a estudar sistemas de depuración alternativos. Un dos máis efectivos é a execución de minidepuradoras nos propios núcleos, sistema que está a dar moi bos resultados nos concellos nos que xa se implantou.

O concelleiro de Obras informou que xa se está a traballar na redacción de dous proxectos para Cures e Landeiras que se financiarán con cargo ó remanente de tesourería.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí