Ribeira mobilizarase contra a prohibición europea da pesca de fondo

RIBEIRA> O Consello Sectorial de Pesca reuniuse esta mañá en Ribeira para abordar as restricións europeas á pesca de fondo. Responsables municipais analizaron con representantes do sector os prexuízos económicos que suporá a prohibición de artes como o arrastre ou mesmo o palangre en preto de 80 caladoiros.

Tras manifestar o seu rexeitamento unánime á normativa aprobada pola Comisión Europea para prohibir a pesca de fondo en preto dun cento de caladoiros nos que tradicionalmente faenaba a  flota galega, o Consello sectorial de Ribeira acordou unha serie de medidas para expresar o seu rexeitamento a este veto.

Ademais de iniciar unha recollida de sinaturas para solicitar a derrogación da norma, convocaron unha concentración para o sábado día 8 de outubro na praza do concello. Fan un chamamento a tódalas entidades sociais do municipio e á cidadanía en xeral para involucrarse en todas estas accións encamiñadas a defender os intereses do principal sector económico da vila. Dende o balcón da casa consistorial pendurará tamén unha pancarta en defensa da pesca para sensibilizar á poboación de que se o mar morre, Ribeira morre con el.

O alcalde, Manuel Ruíz, explicou que esta prohibición súmase ás moitas medidas que se veñen impoñendo nos últimos anos dende distintas administracións en relación coa pesca sen ter en conta as particularidades de cada arte. Entre elas, puxo como exemplo a aplicación do regulamento de control ou o protocolo de protección de cetáceos. Todas elas, supoñen unha constante ameaza para a pesca e plantexan un futuro cada vez máis negro para portos como o de Ribeira.