![]()
BARBANZA> Arestora continúa o forte temporal de vento e chuvia que mantén á comunidade galega en alerta laranxa.
A caída dalgunha árbore, como a que se producíu na estrada AC-305 á altura de Vilariño no concello de Boiro e que obrigou a intervir ós membros do Grupo Municipal de Intervención Rápida, ou o desprendemento de varios taludes de terra, e un dos paneis luminosos na autovía do Barbanza, concretamente o existente antes da saída norte de Boiro, que estivo a piques de caer, foron os incidentes máis significativos dos acontecidos durante a xornada.
O forte vento e a chuvia tamén provocaron o desprazamento de contedores e pequenas inundacións en fincas próximas a regatos.
Sen clase
A consecuencia do forte temporal e como medida preventiva, a Consellería de Educación, decidiu pechar tamén durante toda a xornada de hoxe venres tódolos centros de ensino non universitario das provincias da Coruña e Lugo. A medida mesmo colleu por sorpresa a numerosos pais que levaron igual ós seus fillos ó colexio, atopándose pechadas as portas dos centros educativos.
Flota amarrada
Nos portos da comarca do Barbanza a flota permaneceu durante a xornada de hoxe amarrada como vén acontecendo dende hai varios días debido a que se agardaba vento de forza dez e ondas de ata seis metros. Aínda así, en Ribeira esta pasada noite si sairon os barcos do arratsre, que xa estaban de regreso pola tarde, antes de que arreciase o temporal.
Esta situación provoca ademais un desabastecemento dos mercados e prazas, diminuíndo considerablemente o número de capturas. Na lonxa ribeiresa apenas había actividade, polo que o prezo do peixe aumenta considerablemente.
Medidas preventivas
Dende a Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta infórmase de que se evite na medida do posible calquera desprazamento por estrada. Ademais e como medida de autoprotección pídese que se retiren os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e fiestras, evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, árbores, paneis publicitarios ante a posibilidade de que se poidan producir desprendementos.
Redacción Barbanza








