A corporación rianxeira aproba definitivamente os presupostos para o ano 2006

    RIANXO > A corporación municipal de Rianxo celebrou este martes pola noite un pleno ordinario no trascurso do cal se aprobaron de xeito definitivo os orzamentos xerais do concello para o vindeiro ano que ascenden a case 5,8 millóns de euros. O proxecto económico recibiu o apoio do PSOE e do grupo mixto, mentres que os populares se abstiveron e os nacionalistas votaron en contra.

    Despois da aprobación das actas das sesión anteriores e dar conta das resolucións da alcaldía e das xuntas de goberno local, a corporación municipal de Rianxo abordou as modificacións puntuais referidas ó cadro de persoal e da relación de postos de traballo dentro dos presupostos do ano que vén, coa presentación de trece alegacións por parte do grupo municipal do BNG antes da súa aprobación definitiva.

    Na sesión os nacionalistas defenderon a presentación das alegacións ós orzamentos para o ano 2006, a pesares de que ningunha foi tida en conta polo equipo de goberno.

    Neste sentido o portavoz do PSOE, Xosé Figueiro Carou, explicou as razóns polas que se desestimaron as reclamacións feitas polo BNG.

    Durante a sesión os membros do BNG rianxeiro insistiron na necesidade de coñecer toda a documentación con máis antelación e sen ter que pedirlla tödolos anos por rexistro.
    Esta aseveración provocou un certo enfado no propio alcalde, Pedro Piñeiro, que mesmo acusou de mentir ó voceiro nacionalista Xoán Bautista Mariño.
    Os nacionalistas recrimináronlle tamén ó alcalde as excesivas dedicacións excluivas, así como a existencia dun xerente e o  xeito de contratar persoal sen transparencia, sen a presenza de sindicatos nin a dos demais partidos políticos e con escaso marxe de tempo. Unha cuestión que tamén enfadou ó alcalde.

    Durante a sesión a corporación municipal de Rianxo tamén aprobou por unanimidade unha moción relativa á Vía Autonómica do Barbanza, mediante a cal se lle solicita a Xunta de Galicia a realización urxente dunha serie de melloras nesta estrada debido á alta tasa de sinistralidade que presenta.

    O alcalde Pedro Piñeiro foi o encargado de dar lectura a unha moción conxunta asinada polos portavoces dos catro grupos políticos con representación na corporación municipal de Rianxo: PSOE, BNG, PP e grupo Mixto, relativa a solicitude á Xunta de Galicia da adopción dunha serie de melloras para a actual Vía Autonómica do Barbanza, que volve a estar de triste actualidade estes días debido ó alto número de accidentes.

    Na moción solicítaselle ademais a realización urxente e inmediata dunha serie de melloras na actual estrada mentres non se efectúa a súa conversión en autovía como poden ser unha nova sinalización horizontal e vertical, así como a eliminación dos carrís de vehículos lentos nalgúns dos tramos.

    Redacción Barbanza