Os dous detidos polo crime da Pobra pasarán mañá a disposición xudicial

    POBRA> Todo apunta a un axuste de contas como causa máis probable do crime. Aillados. Un no cuartel da Garda Civil de Boiro e outro no de Noia. A parella detida en relación co crime de Yuleisy Germose, continúan á espera de prestar declaración no Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira. Trátase de Ventura Lustres, de trinta e catro anos, e a súa parella, de vinte e catro, que foron detidos pola Garda Civil nesta vivenda da Pobra na que residían dende hai algún tempo. No piso os axentes da unidade xudicial da Garda Civil realizaron varios rexistros, así como tamén nun vehículo, co obxectivo de atopar a arma homicida coa que ó parecer se cometeu o crime.Todo apunta a que unha débeda por drogas estaría detrás do móbil do crime. A vítima foi vista con vida por última vez na compaña desta parella nun local de ocio nocturno de Ribeira. Segundo apuntaron algunhas testemuñas, tivo lugar unha discusión antes de que a vítima abandonar o establecemento cos dous detidos. O corpo de Yuleisy aparecía o pasado domingo ó redor das nove da noite nunha finca do lugar da Fandiña, na zona da Ribeiriña na Pobra. A muller presentaba diversas feridas de arma branca nun costado e, segundo determinou a autopsia, levaba morta menos de vinte e catro horas.