A nova executiva do PSOE baralla a integración con ICBoiro

    BOIRO> Renovación na agrupación socialista de Boiro. Os militantes elixiron este sábado á súa nova executiva, encabezada por José Rivera. Entre os asuntos prioritarios a abordar polo novo equipo destacan a proposta de integración con ICBoiro, formación liderada polo ex socialista, Manuel Velo. José Rivera asume as rendas do partido socialista de Boiro co obxectivo de recuperar o contacto coa militancia. Este celanovés, afincado en Boiro dende hai uns anos, conta cunha ampla bagaxe política. Sen embargo e mali ater ostentado numerosos cargos orgánicos, defínese como un político de base, xestado nas asociacións veciñais, polo que aposta por mirar máis cara o pobo e menos cara os despachos. Trala súa elección, o novo secretario convocará unha reunión esta semana para tratar temas que considera urxentes. Entre eles, unha posible integración con Iniciativa Cidadá de Boiro, partido que conta actualmente con dous edís, ou o relevo na corporación de Manuel Maneiro, ex secretario xeral, quen xa lle manifestou a súa intencón de renunciar á acta de concelleiro. En materia de política nacional, Rivera amósase crítico co partido, no que milita dende o ano 75, ó que acusa de ter virado á dereita con certos sectores aburguesados . Así as cousas, confía no proceso de renovación que suporán as primarias. Así as cousas, entende a recén estreada secretaría xeral como un cargo transitorio. A súa intención, de cara ás asembleas que se celebrarán a finais do verán é cederlle o testigo a un equipo de xente nova. Nela poderían integrarse algúns dos membros da actual executiva conformada por José Luís Ruíz, María Luisa Collazo, José García, Natalia Laíño, Antonio Fernández e Alina Fernández.