A Xunta apoiará un total de seis actuacións de mellora das infraestruturas turísticas na Barbanza e Muros-Noia

NOIA> Así o anunciou esta mañá o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha visita realizada a Noia, onde supervisou precisamente unha das actuacións realizadas con cargo a esta liña de axudas do pasado ano. Concretamente a mellora da iluminación ornamental exterior da igrexa de San Martiño.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde Santiago Freire, e varios membros do seu equipo de goberno, realizaron esta mañá unha visita á praza do Tapal, ó entorno da igrexa de San Martiño, onde no último ano se levou a cabo unha mellora da súa iluminación exterior ornamental.

Esta actuación inclúese dentro da liña de axudas da Xunta a municipios de menos de dez mil habitantes para a mellora das súas infraestruturas turísticas.

Ademais desta actuación, e grazas a estas axudas da Xunta, o Concello puido acometer tamén a instalación de paneis solares na piscina municipal, e executar a mellora da iluminación, tanto interior coma exterior, do edificio da casa consistorial.

O delegado da Xunta destacou a excelente acollida que está a ter esta liña de axudas, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.

Nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia, a Xunta apoiará un total de seis actuacións que contarán cun investimento total de máis de 125 mil euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí