A primeira fase da mellora da fachada marítima do Son estará rematada en agosto

    PORTO DO SON> Así o confirmaba esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante unha visita ás obras. Acompañado do alcalde, Luís Oujo, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Duran, supervisou os traballos de mellora do abrigo no peirao sonense, no que o ente autonómico está a investir preto dun millón de euros, cantidade á que se suma unha partida de Fondos Europeos FEDER. A actuación consiste na ampliación do actual dique de abrigo en 30 metros en dirección sur-sureste, co fin de mellorar as condicións de seguridade das embarcacións que queden atracadas no interior da dársena. Ademais procedeuse á instalación dun pantalán de 39 metros para atraques das embarcacións de 7ª lista. O rexedor sonense destacou a importancia desta actuación, que permitirá mellorar a seguridade e operatividade do conxunto do peirao, fundamentalmente á flota do sector profesional. O proxecto inclúe tamén obras complementarias no dique, como son a canalización do alumeado, a instalación dunha varanda de aceiro ou o subministro de luz e auga para os usuarios das instalacións, entre outras.