Medio cento de noieses protesta pola avaría da máquina de RX do Centro de Saúde

    NOIA> Á convocatoría, que partiu da CIG–Saúde, sumáronse tamén representantes do BNG, PSOE e Marea. A día de hoxe, un mes despois dende que se produciu a avaría, a máquina de raios X no centro de saúde noiés segue sen funcionar. Un problema grave que está a provocar un importante prexuízo, non só para os veciños de Noia, senón tamén para os de toda a comarca, que agora deben desprazarse a Santiago, ou mesmo acudir á sanidade privada, para poder facer uso deste servizo. Dende CIG-Saúde, que é de onde parte a denuncia polo mal funcionamento do aparello, este é un exemplo máis da política de recortes que está a desenvolver o Partido Popular. Dende o sindicato consideran que se trata dun problema o suficientemente grave, para o que non sirve un simple ‘parcheo’, responsabilizando á propia Xerencia da situación, e á que lle solicitan unha solución urxente. Na concentración tamén tomaron parte representantes do BNG, Psoe e Marea. Os tres grupos municipais presentarán ó pleno de mañá unha moción de urxencia reclamándolle ó equipo de goberno que tome cartas no asunto e trate de buscarlle unnha solución a este problema.