Uns catrocentos cativos daranse cita no Memorial Pablo Fernández Gigirey

POBRA> O torneo, para as categorías base, está organizado polo Crocha Fútbol Club. Un ano máis e por iniciativa do Crocha Club de Fútbol celebrarase o Memorial Pablo Fernández Gigirey, en homenaxe ó que fora seu xogador en categoría prebenxamín, tristemente falecido hai varios anos a consecuencia dunha leucemia. Na presentación do torneo, ademais da directiva e xogadores, atopábase a nai do pequeno, que agradeceu unha vez máis o xesto do club. Dase a circunstancia de que o torneo, que coincide ademais co décimo aniversario do equipo, terá un carácter solidario, xa que unha parte do recadado irá destinado á Fundación Andrea e a Escola Camilo José Cela, do Hospital Clínico de Santiago. Na competición participarán un total de 31 equipos nas categorías biberón, prebenxamín e benxamín, en total uns catrocentos rapaces. Os encontros, que se disputarán no estadio da Alta, darán comezo este sábado ás nove da mañá, prolongándose ininterrompidamente ata a xornada do domingo, que será cando se celebren as finais. Dende a organización do torneo quixeron agradecer as distintas casas comerciais o seu apoio e colaboración, así como tamén ó xogador do Racing de Ferrol, Joselu, que volverá a ser o padriño do campionato, xa que sen todos eles, sería imposible poder desenvolver este torneo.