González despídese da alcaldía e deixa a política para dedicarse ao turismo de calidade

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/11/balance_catalina.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/11/balance_catalina.mp4{/flowplayer}

     

    SANXENXO> Se hai algo claro en Sanxenxo, é que a actual alcaldesa non repetirá no cargo. Hoxe, Catalina González despediuse tras oito anos de goberno, facendo un balance positivo da súa xestión. A aínda rexedora iniciará unha etapa afastada da política, pero ligada, segundo adiantou, ao mundo do turismo.

    Catalina González marcha orgullosa do balance que deixa a súa xestión, a pesares dos recortes nos orzamentos municipais: dos 114 millóns do 2007, pasouse aos 31 dos últimos exercicios.

    A construción de campos de fútbol municipais e de casas de cultura, a escola infantil e o centro de saúde de Vilalonga, a lonxa de Portonovo e a humanización de varias zonas do concello, forman o seu legado. González tamén se referiu a proxectos que deixa en marcha, como a estrada de Dorrón, a reforma integral da avenida Luis Rocafort, a rexeneración da praia Carabuxeira ou a mellora na seguridade vial da PO-308.

    Fixo especial fincapé no turismo. Para a aínda rexedora, Sanxenxo é un referente de calidade a nivel nacional, que agora está a facer unha importante promoción no estranxeiro. Unha herdanza que, agarda, respecte o seu sucesor.

    Catalina González deixa a alcaldía de Sanxenxo e tamén a vida política, á que chegou no ano 1995. Iso si, a súa intención é seguir ligada ao mundo do turismo.

    Na súa derradeira comparecencia como alcaldesa, González agradeceu a oportunidade de traballar con honestidade polos seus veciños e ser un exemplo para seus fillos.