Maceiras despide dezaseis anos de mandato coas contas saneadas

POBRA> Isaac Maceiras despídese da alcaldía da Pobra tras dezaseis anos á fronte da corporación municipal. Ó longo destas catro lexislaturas foron moitos os logros acadados. A redución da débeda e o incremento da cobertura dos servizos sociais son un exemplo da súa xestión. Visiblemente emocionado e acompañado dalgúns dos edís que integran o goberno Isaac Maceiras compareceu publicamente para despedir o seu mandato. Fíxoo repasando algúns dos avances conseguidos ó longo destes dezaseis anos en que ostentou a alcaldía, especialmente no eido económico. Maceiras presumiu do bo estado das contas municipais que a día de hoxe presenta unha débeda inferior ós sesenta por cento. O concelleiro de Facenda foi o encargado de debullar os datos máis significativos sobre as arcas municipais cunha tendencia á redución do endebedamento co consecuente superávit. Ademais do aspecto económico, Isaac Maceiras quixo tamén destacar outros piares das súas políticas municipais como a creación de emprego, a ampliación da cobertura en tódolos servizos e a contribución á paz social creando un clima de entendemento fronte a épocas pasadas de confrontación. Tivo tamén un recoñecemento para tódolos concelleiros e funcionaron que traballaron en prol da Pobra e desexou que o futuro goberno municipal, a piques de tomar posesión, siga nesa liña. Por último, o alcalde en funcións quixo tamén destacar o papel dos medios de comunicación entregándolle un obsequio ós xornalistas que a diario se encargan da cobertura municipal.