O PSOE muradán cualifica de ‘insulto’ as condicións propostas por CxG

    MUROS> O PSOE de Muros rexeitou as condicións impostas por Compromiso por Galicia para formar un goberno de coalición entre as dúas forzas. Tras o ditame da asemblea, todo parece indicar que o PP, a lista máis votada, gobernará en minoría. Os militantes socialistas celebraron unha asemblea coa fin de valorar a proposta formulada por Compromiso por Galicia para sentarse a negociar sobre a conformación dun posible pacto de goberno. Compromiso esixía a documentación relativa ós pagos dos asesores urbanísticos ou os expedientes de contratación de persoal, así como a realización dunha auditoría financeira. Incluía tamén outras condicións como a gravación dos plenos e a publicación das actas na web municipal ou a apertura das xuntas de goberno a tódolos grupos cun representante de cada partido. Condicións que os socialistas cualificaron de insulto ó considerar que se están a formular acusacións veladas sobre a legalidade das accións de goberno. Dende as filas socialistas cren que a intención de Compromiso nunca foi constituír unha coalición de esquerdas xa que, din, dende un principio impuxeron en lugar de negociar. A candidata do PSOE critica que, primeiro, quixeran modificar por completo a lista con que os socialistas concorreron ás eleccións e, agora, sementen dúbidas sobre presuntas irregularidades cometidas na lexislatura que remata. Cren, dende o PSOE, que as condicións impostas pola formación liderara por María Xosé Alfonso, son tan só unha escusa para xustificar un pacto previo que permitiría gobernar ó PP en minoría. Pola súa banda, a candidata de Compromiso amosouse sorprendida ante a reacción dos socialistas xa que, explicou, as esixencias formuladas polo seu partido baséanse na transparencia, participación e austeridade. Polo que se consideran que se están a formular acusacións non terían máis que presentar a documentación requirida para desmentilas. Alfonso aclarou que non pediron nada para ningún edil da súa formación senón un compromiso coa transparencia que calquera grupo de goberno debería estar disposto a aceptar.