O mellor da flota galega darase cita esta fin de semana en Portosín

PORTO DO SON> Esta mañá presentábase no Real Club Náutico de Portosín a trixésimo primeira edición da Regata Mar de Finisterre, Quinto Trofeo Pitusa Sabín. A proba, que terá lugar esta próxima fin de semana, será tamén valedeira para a Copa Galicia de Cruceiros ORC.

As instalacións do Real Club Náutico de Portosín acollían este mediodía a presentación oficial, da trixésimo primeira edición da Regata Mar de Finisterre, quinto Trofeo Pitusa Sabín. A proba, a máis antiga das que organiza o náutico sonense terá lugar esta próxima fin de semana, o sábado 24 e o domingo 25 de agosto. A regata volverá a ser valedeira para a Copa Galicia de Cruceiros ORC, na que está prevista a participación dunhas trinta embarcacións chegadas dende diferentes Clubs de toda Galicia.

O presidente do Náutico sonense tivo tamén palabras de agradecemento á familia Hernández-Sabín, principais patrocinadores e promotores da regata.

Entre as autoridades que tomaron parte na presentación da regata atopábase tamén o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo.