Ribeira recupera o día de Santa Uxía como festivo local

RIBEIRA> O día de Santa Uxía volverá ser festivo en Ribeira en 2019. O goberno sacou adiante a súa proposta para a designación das festividades locais que serán a patroa e o Día da Dorna. Pola conta, o martes de entroido será laborable de cara ó próximo ano.

Por sorpresa e contra todo pronóstico, o goberno de Ribeira conseguiu sacar adiante a súa proposta para a designación dos festivos locais. Fíxoo cos votos a favor do seu grupo e da edil independente Dolores Elorduy e coa abstención dos tres concelleiros do PSOE e Asier Casais. Minutos antes, o tenso debate non facía presaxiar o resultado da votación, máis tendo en conta as dúas emendas presentadas. Unha por parte do BNG, IPdeR e a concelleira María José Brión que propoñían a Dorna e o martes de entroido. Consecuente, e xunto con Cuidadanos, votaron en contra da proposición do goberno que plantexaba a recuperación da patroa fronte ó carnaval.

Non así Dolores Elorduy e Asier Casais que introduciron unha emenda propoñendo a patroa e o entroido, en detrimento da Dorna. Sen embargo, non chegou a votarse posto que o voto a favor da primeira e a abstención do segundo posibilitou a aprobación da proposta do executivo.

Trala aprobación, a sorpresa foi maiúscula entre o numeroso público que seguía a sesión. Boa parte dos asistentes irromperon en aplausos mentres que outros, na súa maioría representantes da hostalería, abandonaron o salón de plenos visiblemente contrariados.