Máis dun cento de deportistas participarán na V Travesía a Nado de Rianxo

RIANXO> Rianxo acolle este domingo a quinta edición da travesía a nado. A empresa Aquafit, concesionaria da piscina, organiza a proba na que participarán máis de cen deportistas. Os nadadores da categoría absoluta deberán completar unha distancia de dous mil metros. Máis dun cento de nadadores daranse cita este domingo en Rianxo para participar na quinta edición da travesía a nado. Ademais da distancia de dous mil metros, na categoría oficial, habilitáronse distancias máis asequibles para afeccionados. Haberá unha proba de mil catrocentos metros, outra de novecentos e unha de douscentos para menores de dezaseis anos. A proba, organizada pola empresa concesionaria da piscina municipal –Aquafit, conta coa colaboración do Náutico de Rianxo e dos clubs de remo e de piragüismo. O concello, coma sempre, volve apostar por esta actividade, na súa liña de promover os deportes náuticos nunha vila con moitas posibilidades. A partir das once menos cuarto da mañá comezarán a repartirse os dorsais na lonxa vella. Dende a organización agardan que as condicións da mar acompañen para non dificultar o xa de por si difícil reto de completar a travesía a nado.