O soño da fase de ascenso aínda é posible para o Rasoeiro

balonman250_181108.jpgSALNÉS > O balonmán trouxo nesta xornada unha de cal e outra de area. Caeu o Albariño Agnusdei e gañou o Rasoeiro, que recuperou a soltura no seu xogo e suma así dous puntos importantes que lle volven a meter na loita por entrar na fase de ascenso.

Recuperouse a ilusión. Triunfo do Rasoeiro que se antolla importante por diferentes motivos: primeiro, claro está, polos puntos; tamén porque se recuperou o bo xogo e as boas sensacións tanto en defensa como en ataque; ademais, porque lle gañaron o golaverage ó Tirso Molina.

O encontro foi manexado dende o inicio polos grovenses, que se puxeron ó mando no marcador, con diferencias que oscilaron sempre entre os dous e os tres goles. Non foron quen de irse no marcador antes do descanso debido ó acerto en ataque dos visitantes.

Pero tralo paso polos vestiarios, os de Jaime García intensificaron a súa defensa, pecháronse ben, e contaron coa gran actuación do seu gardamallas Solla, que volveu a amosar a gran calidade que atesora.

En ataque non se baixou o ritmo e nesta ocasión Bruno e Omar, que asinaron dez e seis tantos respectivamente, aguantaron ó equipo no apartado goleador para ir abrindo brecha no marcador e vencer por seis goles de diferencia, 34-28, co que recuperaron o golaverage co Tirso.

Agora o Rasu queda sexto na táboa, a dúas victorias do cuarto clasificado cando restan cinco partidos para o final da primeira liguiña. As posibilidades de meterse entre os que disputarán a fase de ascenso increméntanse, polo que semella que será case decisivo o resultado que a semana que ven obteñan ante o Carballal en Monte da Vila.

O futuro non é tan ilusionante para o Albariño Agnusdei, que volveu a caer en Coirón desta volta ante o Lavadores por 20-29. De novo o factor físico foi decisivo. Os meañeses aguantaron o tipo na primeira metade, fóronse ó descanso dous abaixo e metidos no encontro, pero despois as forzas desapareceron e o seu xogo en ataque fíxose demasiado previsible, xa que a maior parte das accións remataban con lanzamentos exteriores de Touza.

O Agnusdei continúa a ser o pechacancelas do seu grupo e aínda sen coñecer a victoria tras nove xornadas.

Redacción Salnés