SALNÉS> Non lle foron demasiado ben as cousas ós conxuntos do Salnés na xornada adiantada a onte. O Vilalonga continúa a complicarse a vida despois de caer goleado en Ordes mentres que o Céltiga sumou un punto da súa visita ó campo do Ourense.
De pouco lle serve o punto acadado onte ó Celtiga (0-0) a día de hoxe, porque coas victorias de Santa Comba e Berganitños a salvación complícase máis. Pero a lectura que teñen que facer na Illa é a positiva. O equipo volveu a amosar unha gran imaxe diante dun equipo da categoría do Ourense e que se está a xogar a súa presencia no playoff de ascenso.
As baixas de Luis Alberto, Cardeñosa, Sabarís e Manuel non mermaron o potencial dun Céltiga que pese a non dispoñer da posesión de balón, controlou o partido a base dun gran esforzo colectivo e do traballo defensivo. O encontro non foi demasiado vistoso pola ausencia de ocasións de gol. Os locais achegáronse tan só dúas veces con perigo á meta de Marcos mentres que polo cadro visitante Hugo Soto dispuxo das mellores nunha vaselina e cun disparon ó longueiro. Continúan a ser cuartos pola cola, a tres do descenso directo e a tres do Bergantiños, que lle precede na táboa.
O que se complica a vida semana tras semana é o Vilalonga que non sabe como recuperar as boas sensacións. Precisa gañar canda menos un partido dos tres que lle quedan para non pasar apuros. Onte, foiselles a primeira oportunidade ante o Ordes (3-0), un equipo que non se xogaba prácticamente nada pero que tivo maior pegada. Chiño abríu á lata na primeira metade, e Diego pechouna con dous goles trala reanudación.
Peor que a derrota é a situación coa que chegarán o domingo fronte ó Alondras. Se o equipo xa está a notar as baixas por lesión de Saúl, Machu, Pazos, Sarró e Villaverde, para o vindeiro encontro perderán á súa parella de centrais titulares, Tachi e Miguel, o primeiro por ser expulsado e o ex-arousista tras cumplir ciclo de amonestacións.
Redacción Salnés