BARBANZA> Na comarca do Barbanza non houbo sorpresas. As novas corporacións constituíronse segundo o guión previsto. Boiro, Ribeira e Rianxo repetirán alcalde durante dos próximos catro anos mentres que A Pobra abre unha nova etapa co cambio de goberno liderado por Nós Pobra. Xosé Lois Piñeiro foi investido alcalde da Pobra cos votos a favor do seu grupo, o BNG e o PSOE e a oposición do Partido Popular. A partir de agora, Nós Pobra ostentará un goberno en minoría composto tan só por catro concelleiros polo que deberá buscar acordos puntuais para sacar adiante as políticas municipais. Esta é a intención do novo alcalde que expresou a súa vontade de cumprir cos compromisos adquiridos durante a campaña. Tamén en minoría goberna, polo momento o nacionalista Adolfo Muíños en Rianxo, elixido alcalde co apoio do PSOE e . A intención do BNG é conformar un goberno en coalición co PSOE, repetindo o binomio da anterior lexislatura. No seu discurso, ademais dun emotivo recordo ó falecido Carlos Gey, anterior tenente alcalde, Muíños avogou por unha lexislatura aberta á cidadanía. Manuel Ruíz repite tamén como alcalde de Ribeira aínda que sen a cómoda maioría do anterior mandato. Á falla de dous escanos para a maioría absoluta, o PP comeza a lexislatura en minoría coa intención de chegar a acordos con outras forzas que permitan acadar un goberno estable. A opción máis viable sería Ciudadanos, partido que facilitou a investidura de Ruíz, coa abstención dos seus tres concelleiros. En Boiro, o alcalde popular Xoán Xosé Dieste repite con maioría absoluta. Na súa toma de posesión tivo palabras de agradecemento para os votantes que volveron a depositar a confianza no seu equipo que inclúe poucas novidades con respecto á pasada lexislatura. Entre as filas da oposición si son moitas as caras e formacións novas coa irrupción de Ciudadanos eBoiro Novo e os novos voceiros do PSOE e do BNG. Durante a sesión de investidura vivíronse momentos moi emocionantes como o recordo ó ex edil falecido no naufraxio do Paquito II, Germán Fernández, ou a homenaxe ó antigo rexedor, Xosé Deira, quen recibiu unha placa conmemorativa en recoñecemento ós seus oito anos de goberno.
Inicio A Pobra