Máis liberados pero menos cargos de confianza para o goberno de Varela

    VILAGARCÍA> Vilagarcía xa asocia cada área da xestión municipal co concelleiro que será o seu responsable. Dos oito edís socialistas, sete estarán á fronte dun departamento. Non así o rexedor: Alberto Varela non se reservou ningunha concellería, e o seu labor dirixirase á coordinación do seu equipo. O novo goberno contará, ademais, con cinco liberados.

     

    Xa coñecemos a distribución que Varela ven de facer do seu goberno. O novo rexedor socialista sitúa a Tania García como voceira e á fronte de Benestar Social e Igualdade, a Miro Serén dirixindo Educación e Deportes e será Lino Mouriño quen faga o propio con Servizos e Relacións Veciñais. Cultura, Xuventude e Persoal serán responsabilidade de Sonia Outón, e Policía Local, Seguridade e Promoción Económica, de Juan Antonio Pérez Callón. Luz Abalo e Paola María faranse cargo de dúas das concellerías máis importantes, Economía e Facenda e Urbanismo e Infraestruturas Municipais, respectivamente. Alberto Varela, pola súa banda, será o encargado de coordinar este equipo.

    O novo equipo contará con cinco liberados fronte aos tres que tiña o goberno de Tomás Fole. Ademais de Varela, serán Tania García, Lino Mouriño, Paola María e Sonia Outón os que teñan esta condición. Aínda está por determinar se serán a tempo completo ou parcial.

    Varela manterá o salario do alcalde e reducirá cando menos un cargo de confianza dos tres que tiña Fole. Tampouco están decididos os representantes que o concello enviará aos organismos nos que ten presenza.

    Sobre o pleno de funcionamento, a intención é convocalo nun prazo de 15 días.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/17/varela_composicion_goberno.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/17/varela_composicion_goberno.mp4{/flowplayer}