O goberno aumenta a asignación aos grupos e por asistencia a órganos colexiados

PONTEVEDRA> O goberno pontevedrés ven de presentar unha nova proposta na procura dun acordo co resto de formacións. Segundo o voceiro do executivo, o novo documento é unha posición intermedia entre a primeira proposta dos nacionalistas e as peticións que lanzaron o resto de formacións nos dous encontros que mantiveron esta semana. Así as cousas, as esperanzas de conseguir un acordo son mínimas.

 

Precisamente no apartado das dedicacións exclusivas non hai cambios nesta nova proposta. O goberno mantén as 11 liberacións: oito para o goberno, dúas para o PP e unha para o PSOE. Tampouco tocan os salarios nestas dedicacións exclusivas, que se manteñen no entorno dos 2.200 euros netos ao mes.

Si se recolle unha modificación das asignacións previstas para cada grupo. A parte fixa pasaría dos 2.500 euros por mes previstos inicialmente aos 2.750. Tamén mudaría a parte variable por concelleiro: de 260 a 250. Segundo explicou Raimundo González, estas cantidades son suficientes para cubrir os custos de representación. Ademais, a petición dalgún dos grupos incrementaríase a contía por asistencia a órganos colexiados. Por exemplo, a asistencia a un pleno pasaría de 250 a 275 euros, mentres que no caso dunha xunta de goberno incrementaríase 15 euros, de 110 a 125. 

Este documento será o que o BNG leve mañá ao pleno.