A reforma integral da rúa Lepanto comezará antes de rematar o ano

Pontevedra> A reforma integral da rúa Lepanto comezará antes de que remate o ano. A falta de pechar os últimos detalles, o proxecto está listo para iniciar as obras, que terán unha duración aproximada de 6 meses e contan cun orzamento de 264.000 euros.

A rúa Lepanto converterase nunha vía de plataforma única en canto remate a reforma integral que, segundo o previsto, se iniciará antes de finalizar o ano. As obras afectarán tanto á superficie coma ós servizos soterrados de saneamento e acometidas de auga, e reforzarase a iluminación en resposta ás peticións dos veciños.

O que aínda non se decidiu é o uso con respecto ó tráfico, aínda que todo indica que quedará limitado a servizos e veciños.

Contará tamén cunha zona de estancia con arborado e aparcamento para bicis. Os que xa non poderán aparcar serán os coches, xa que segundo indicou o concelleiro de obras, así o solicitaron os veciños, consultados nunha asemblea celebrada na Casa da Luz con motivo da presentación do anteproxecto.