PONTEVEDRA> O festival de ciencia Pint of Science desembarca mañá e pasado en Pontevedra. Farao, ademais, ao mesmo tempo que noutros 27 países de todo o mundo e co seu característico formato, celebrando os encontros entre divulgadores e público en bares da cidade. Nesta primeira edición pontevedresa será a taberna Nasa a que acolla as catro charlas científicas que contempla a programación. Todas as sesións son de acceso libre e gratuíto.
Achegar a ciencia ao público xeral. É o obxectivo de Pint of Science, o festival que se celebra os días 18, 19 e 20 en toda España. Participan 110 localidades e mañá estréase en Pontevedra.
Claudia González prendeu a mecha para o desembarco pontevedrés do festival. Fíxoo despois de participar o ano pasado como relatora en Vigo. Porque outra aposta de Pint of Science é botar man de investigadores de cada zona.
E ese lugar será a Taberna Nasa, na rúa da Galera. Acollerá entre mañá e pasado catro charlas. Correrán a cargo de Pablo Hernández, que desmontará os principais mitos sobre a dor de costas; Helena Vila, que explicará por que coidar a musculatura é unha das claves para vivir máis e mellor; Juan López, que abordará como as novas tecnoloxías poden axudar a promover hábitos de vida saudables, e Víctor Sánchez, que falará sobre o postcrecemento.
A deste ano é a undécima edición de Pint of Science. Neste tempo participaron máis de 130.000 persoas como público e supéranse os 5.300 investigadores. Ademais, neste 2026 o festival aposta por reforzar a súa presenza en zonas menos poboadas.
O acceso é totalmente libre e gratuíto. Tras cada sesión, o público poderá conversar cos científicos e científicas. Un xeito ameno e ben diferente de achegarse á ciencia.











