A UFP denuncia a agresión a sete axentes no que vai de mes

    VILAGARCÍA> Sete axentes da policía de Vilagarcía foron agredidos en acto de servizo no que vai de mes. A última ocasión, o pasado venres. A Unión Federal de Policía denuncia unha situación que se está a converter en habitual e que achacan, unha vez máis, á falta de persoal na comisaría de Vilagarcía. Alegan que ó non haber suficientes axentes, non lles é posible disuadir a actividade dos delincuentes. Desde o sindicato insisten en que levan máis dun ano alertando da situación e reclamando un reforzo da plantilla na capital de Arousa sen que desde a Dirección xeral lles fagan caso. Solicitaron 20 policías para Vilagarcía no Consello da Policía e en tódalas institucións con responsabilidades na materia e só se concedeu un. A Unión Federal engade que a esta situación se suma ‘a falta de comprensión e apoio’ dos xefes da Policía en Vilagarcía, ós que acusan de negar permisos ós axentes en plantilla, poñer malas caras se teñen que coller unha baixa ou dificultar as vacacións. Solicitarán o seu cese.