CAMBADOS> O museo do viño de Cambados estará na Feira de Turismo, Fitur, que se desenvolve esta semana en Madrid promocionando a rede museística do concello e a ruta do viño Rías Baixas. Despois deste evento Cambados presidirá o Congreso de Museos do viño que se desenvolverá en Murcia e o Congreso de enoturismo onde se presentarán as principais novidades neste sector.
O museo do viño de Cambados presentará as estratexias para o desenvolvemento turístico de deste concello como capital do albariño na Feira do Turismo, Fitur, que se desenvolverá esta semana en Madrid. O concello promoverá do mesmo xeito a Ruta do viño Rías Baixas buscando un turismo baseado no viño. Neste evento a directora da rede de museos de Cambados, Rocío Acha, reunirase co director xeral de Cooperación Cultural, Carlos Alberdi, con quén xestionará plans de colaboracións entre ámbalas dúas institucións.
Cambados tamén será protagonista o vindeiro mes no Congreso anual de Museos do Viño que este ano se celebrará en Murcia. O Museo do viño deste concello dirixira a xuntanza e fará a presentación do encontro.
No mes de marzo celebrarase tamén o congreso de enoturismo no que o museo do viño acudirá para coñecer as iniciativas que se presenten neste campo. O turismo arredor do viño está moi implantado en zonas vinícolas como Rioxa ou o Penedes , Rías Baixas pretende explotar deste xeito as grandes vantaxes das adegas e os caldos desta fermosa terra.
Redacción Salnés