As familias de Meaño mobilízanse para reclamar que se retrase o acceso dos menores ao mundo dixital

MEAÑO> Mobilización en Meaño para reclamar que se retrase o acceso dos menores aos dispositivos dixitais. Co gallo do Día do Neno, a comunidade educativa dos centros do municipio concentrouse na praza do concello para dar visibilidade á alarma que existe entre as familias polo impacto das pantallas na rapazada, tanto no que se refire ao acceso a contidos non recomendados como no seu desenvolvemento social.

A preocupación polo temperán acceso da rapazada aos dispositivos dixitais levou ás familias de Meaño a mobilizarse. Hoxe a comunidade educativa dos centros do municipio protagonizou unha concentración para dar visibilidade a esta alarma, coordinados pola Asociación Avance.

Con estes obxectivos comúns, naceu o programa Familias Reconectando nun Clic. Unha acción que busca dotar a nais e pais de ferramentas reais para guiar aos seus fillos no entorno dixital.

Co gallo do Día do Neno, as familias puxeron o foco no impacto na saúde mental nos menores. Algo que, aseguran, non só deriva do acceso a contidos non recomendados.

Defenden que as súas preocupacións veñen avaladas pola evidencia científica, que xa sinalan entidades como a Asociación Española de Pediatría, a Sociedade Española de Neuroloxía Pediátrica ou o Colexio Oficial de Psicoloxía de España.

Máis de corenta familias meañesas xa se integraron no Pacto Familiar para atrasar a entrega do primeiro móbil. O colectivo apunta que en países como Francia, Reino Unido ou os Estados Unidos este entorno dixital xa está a ser regulado para os menores pola súa perigosidade.