BOIRO> A actividade, que se desenvolverá do 27 de xuño ó 1 de xullo, irá dirixida a rapaces de entre 5 e 18 anos. O campus de verán do Obradoiro é xa un clásico no Barbanza. Este ano chega a súa terceira edición, e o éxito de anos anteriores fan que o club santiagués volva a apostar por el. O ritmo de inscrición é xa alto. Á falla de varios días para o remate do prazo, hai xa uns sesenta inscritos, un número elevado, en sintonía coas cifras doutras edicións. A actividade desenvolverase do 27 de xuño ó 1 de xullo. Baixo a dirección técnica de Pablo Vázquez e Dan Petts estará enfocada a practicamente tódalas categorías, dende os cinco ata os dezaoito anos e contará con actividades complementarias ó baloncesto, ademais de visitas de xogadores da primeira plantilla. Dende o concello boirense agradeceron unha vez máis a confianza depositada polo club santiagués para poder acoller unha actividade desta importancia. A celebración deste campus en Boiro é tamén posible grazas ó patrocinio e colaboración de numerosas empresas, como é o caso de Jealsa. Para máis información ou inscricións os interesados poden consultar a páxina web www.obradoirocab.com. Haberá varias tarifas que van dende os 60 ós 250 euros, dependendo da elección externa ou a pensión completa. Aqueles concellos ou clubs locais que dispoñan de convenio co Obradoiro disfrutarán tamén dun desconto.
Inicio Deportes