A Deputación aproba unha achega de 100 mil euros ao Club de Remo Puebla

POBRA> Por unanimidade o pleno da corporación provincial aprobaba esta mañá unha achega de 100 mil euros ó Club de Remo Puebla para a compra de novas embarcacións e material de adestramento e competición.

O acordo ratifica o compromiso adquirido no seu día polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa visita á sede do club tralo grave incendio que destruíu por completo as súas instalacións o pasado mes de xaneiro.

A sesión foi seguida ademais con detalle por varios membros da xunta directiva do Club, ós que acompañaron tamén o alcalde, José Carlos Vidal e a edil Patricia Lojo, que, unha vez rematado o plenario foron recibidos polo presidente, momento que aproveitaron para agradecerlle a colaboración e o apoio da Deputación.

Con esta axuda económica da Deputación, o Club de Remo da Pobra poderá adquirir novas embarcacións e material para desenvolver a súa labor.

Entre o material recollido no acordo figuran tres traiñas de diferentes modelos, catro bateis, tres embarcacións de banco móbil,  remos de fibra de carbono, así como máquinas de ximnasio e outro material de adestramento.