Boiro acollerá unha nova edición do campus de verán do Obradoiro CAB

BOIRO> A iniciativa presentada no concello desenvolverase do 27 de xuño ó 2 de xullo. Será o único que organice o club compostelán en toda a Galicia, agardándose a participación duns oitenta rapaces. Por cuarto verán consecutivo o Obradoiro CAB volve a elixir a comarca do Barbanza e en concreto o concello de Boiro para a celebración do seu campus de baloncesto. A actividade desenvolverase do vinte e sete de xuño ó dous de xullo e irá dirixida a rapaces de entre os 7 e os 18 anos. A dirección técnica correrá a cargo de Camilo Riveiro. Segundo el ademais dunha aprendizaxe divertida para os máis pequenos e outra máis técnica para as categorías superiores, o campus tamén incluirá actividades complementarias ó baloncesto, ademais de visitas de xogadores e técnicos da primeira plantel. Dende o concello boirense destacaron a importancia de poder acoller novamente esta actividade de promoción do deporte base. A celebración deste campus en Boiro é tamén posible grazas ó patrocinio e colaboración de numerosas empresas, entre elas a conserveira Jealsa que volve a implicarse de xeito importante na actividade. Un xesto que agradecen dende o Club Baloncesto Santa Baia. Para máis información ou inscricións os interesados poden consultar a páxina web www.obradoirocab.com. O prezo do campus irá dende os 60 ós 150 euros, con varias opcións de desconto para os participantes.