Tralo parón o Xuven volta con gañas de vencer

SALNÉS> Tanto Xuven como Cortegada xogan este sábado. Os cambadeses volven despois dunha xornada de descanso e visitan a cancha do Chantada. No caso das de Pepe Vázquez, recibirán en Fontecarmoa ó Arxil de Pontevedra.

Quinto derbi galego da temporada para o Cortegada. De momento, se lle fixéramos caso ás estadísticas, os augurios non son nada bos. Cada vez que as de Pepe Vázquez recibiron nesta liga a un equipo galego, sempre perderon. Aínda así, para esta cita o conxunto vilagarcián parte como claro favorito, despois de encadear seis triunfos consecutivos e sobre todo, tras medrar como equipo.

En canto ó rival, o Arxil suma arestora catro derrotas seguidas pero xa foi quen de darlle un disgusto a un dos equipos máis potentes do grupo, o Ensino, ó que gañou en Lugo por doce puntos de diferencia. Por iso o Cortegada non faría nada ben se se confiara.

A adestradora das visitantes, Mayte Méndez, ten as dúbidas para este encontro de dúas das súas xogadoras máis importantes, Olga Fedorova e Zane Jakobsen. Sen embargo si que estará Rachel Allyson, a cuarta mellor valorada da competición e referencia deste conxunto, e Jessica Bradley, unha pivot que aporta anotación e moita pelexa no rebote.

Se favorito é o Cortegada tamén o é o Xuven, que se despraza a Chantada para comezar a segunda volta. Logo dunha semana de descanso a única razón que podería preocupar a Iago Casal é a posible relaxación dos seus homes ou a perda de ritmo competitivo tras quince días sen disputar un partido oficial.

Polo demais, o Establecimientos Otero debe saber que desplegando o seu baloncesto, imporase sen problemas a un rival que é séptimo na táboa. A figura deste equipo é Iker Trevijano, un dos máximos reboteadores da liga e cuarto en valoración.

Redacción Salnés