O CEMMA libera a unha tartaruga mariña varada en Fisterra hai quince meses

    PORTO DO SON> Rostro volveu ó mar tras máis dun ano de tratamento. Esta tartaruga varou na costa de Fisterra en marzo de 2014. Dende entón permaneceu no acuario do Grove recuperándose das lesións que presentaba. Esta mañá. técnicos do CEMMA devolvérona ó mar dotada dun sistema de transmisión que lles permitirá realizar un seguimento da súa traxectoria. Rostro despedíase dos seus coidadores no porto de Portosín de onde a embarcación de gardacostas María de Pazos partía ata a boca da ría para liberar este exemplar de tartaruga. Hai algo máis dun ano, concretamente en marzo de 2014, aparecía varada na praia fisterrá de Rostro, da que tomou o nome. Daquela o seu estado era moi preocupante debido ás lesións que lle provocaron diferentes artes de pesca. Os coidados recibidos polo persoal da Coordinadora de Estudo de Mamíferos Mariños e do acuario do Grove onde viviu os últimos meses fixeron que hoxe estea totalmente recuperada. A propia Conselleira do Medio Ambiente desprazouse ata Portosín para presenzar a solta desta tartaruga de tres anos de idade que, con toda probabilidade, seguirá o seu camiño cara augas máis cálidas. O dispositivo de localización que leva instalado permitirá seguir a posición da tartaruga durante uns seis meses. Transcorrido este tempo, o localizador desprenderase. Non así o microchip subcutáneo, de carácter permanente, que permitirá identificar este exemplar no caso de que volva varar en terra.