Convocada unha xunta de portavoces para fixar día e hora do pleno de organización

    MUROS> En Muros está convocada para mañá venres unha xunta de portavoces na que está previsto fixar o día e a hora do pleno de organización.Unha das principais novidades introducidas polo novo goberno que preside en minoría María Xosé Alfonso figura a proposta de celebrar os plenos con carácter mensual, os últimos xoves de cada mes. Ademais a súa intención pasa tamén por posibilitar a entrada de tódolos grupos da oposición ás xuntas de goberno local. Así estarían representadas por un membro de cada formación, á que se sumaría a propia rexedora. O novo executivo ten intención tamén de prescindir de asesores externos, limitándose unicamente a ter unha persoa que se encargará de representar ó concello nos asuntos xudiciais, e que cobraría en función do traballo realizado. En canto ás dedicacións, está previsto dispor de tres, que serán a xeito parcial, para os tres membros do goberno e non superarán no seu total os catro mil euros. A alcaldesa María Xosé Alfonso, que sinalou a súa intención de seguir compatibilizando o seu traballo de docente co de rexedora, percibiría uns 1.600 euros, mentres que os outros dous edís de CxG no goberno: José Manuel Quintela e José Antonio Uhía, 1.200 cada un. Ademais os membros da corporación non recibirían indemnización algunha por asistir a xuntas de goberno e comisións informativas e só trinta euros por cada pleno no que participasen.