As catro provincias galegas inician a Fase 1 da desescalada

GALICIA> As catro provincias galegas entraron hoxe na Fase I de desescalada. A apertura de terrazas e pequenos comercios non son as únicas novidades que implica o cambio de fase. Está permitida a mobilidade dentro da mesma provincia e autorízanse as reunións de ata dez persoas.

O arranque da Fase 1 da desescalada, na que hoxe entraron as catro provincias galegas, supón un certo alivio das restricións que se viñan aplicando dende que se decretou o estado de alarma. A partir de agora está permitido desprazarse entre concellos dentro da mesma provincia. Tamén podemos visitar ós familiares e amigos xa que se autorizan as reunións tanto en espazos públicos como privados de ata dez persoas e respectando a distancia de seguridade. Permítese ademais viaxar no mesmo vehículo a tódolos membros da unidade de convivencia. Poderase ir a misa posto que os lugares de culto abrirán cun terzo do seu aforo.

Tamén se alivian as restricións para acudir a velorios e enterros permitindo a asistencia de quince persoas en lugares abertos e dez en interiores. Tamén se autoriza a reapertura dos museos co trinta por cento do aforo e o desenvolvemento de actividades culturais, cun límite de trinta persoas en recintos pechados e de duascentas en espazos abertos.

No que respecta a actividade económica, reabren os pequenos comercios de menos de catrocentos metros cadrados que a semana pasada só estaban autorizados a atender con cita previa. Agora poden facelo libremente pero ó trinta por cento do aforo. As terrazas tamén están autorizadas, tan só ó cincuenta por cento da súa capacidade e con medidas de hixiene e distanciamento social.  Reabren tamén os hoteis aínda que con usos limitados no que respecta a zonas comúns.

Pero ollo, porque aínda que podemos saír a mercar ou a tomar algo a calquera hora, para o paseo e o deporte mantéñense as franxas horarias: de seis a dez da mañá e de oito a once da noite para maiores de catorce anos, de dez a doce e de sete a oito para maiores de setenta e poboación de risco e de doce a sete da tarde para os nenos, en grupos de ata tres e acompañados dun só adulto. Isto tan só para concellos ou parroquias con máis de cinco mil habitantes. As que están por baixo teñen liberdade horaria.

A pesar do cambio de fase, e da progresiva volta á normalidade, as autoridades sanitarias chaman á prudencia. É preciso manter as medidas de hixiene e distancia social e saír só para realizar as actividades permitidas. esta primeira fase durará un mínimo de quince días. Rn función da evolución dos contaxios o goberno decidirá se Galicia pode cambiar de fase a partir do vinte e cinco de maio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí