O goberno de Noia respostará individualmente a tódalas alegacións ó PXOM

    NOIA> O concello de Noia comezará a remitir a resposta individualizada a cada unha das alegacións presentadas ó Plan Xeral de Ordenación Municipal. En total, rexistráronse dúas mil unha emendas, das que o sesenta e tres por cento foron aceptadas e incluídas no documento. A pesar do cambio de goberno nesta nova lexislatura o PXOM de Noia prosegue a súa tramitación. Na actualidade, o documento xa conta con tódolos informes pertinentes remitidos pola Xunta de Galicia e vén de incorporar as alegacións admitidas. A intención do actual executivo é dotar do máximo consenso a elaboración dun dos documentos máis importantes a nivel municipal que debería ter validez nun periodo aproximado de dúas décadas. Por esta razón, vén de constituír unha comisión de seguimento para que tódolos grupos poidan facer as súas aportacións; tendo en conta que a introdución de cambios substancias podería demorar o proceso xa que implicaría a necesidade de que a Xunta emitise novos informes. O goberno establece como prazo máximo para a aprobación do plan o verán do próximo ano xa que as normas subsidiarias que rexen na actualidade datan de 1991. Ata entón, buscarase o máximo acordo nos puntos de especial relevancia co obxectivo de dotar a Noia do PXOM da inmensa maioría.