GADISA amplía servizos coa reapertura dun supermercado en Noia

    NOIA> O grupo Gadisa amplía os seus servizos en Noia coa reapertura do supermercado na rúa Carcasía. Esta mañá volvía abrir as súas portas tras unha fonda remodelación que permitirá mellorar a atención ós seus clientes. A superficie comercial aumenta a algo máis dos 700 metros cadrados e o plantel de traballadores tamén se incrementa notablemente, pasando de 12 a dezaoito profesionais. A ampliación e modernización das instalacións do Gadis da rúa Carcasía, un dos dous supermercados con que a cadea conta en Noia, permitirá mellorar a atención e servizo ó cliente. Esta mañá reabría as súas portas a nova superficie comercial, con máis de setencentos metros cadrados, e unha ampla oferta que supera os sete mil artigos á venda. Destaca tamén a amplitude do horario ininterrompido, de luns a sábados dende as nove e media da mañá ás nove da noite, e os domingos de nove e media a dúas e media. A modernización deste centro é un exemplo máis do ritmo de crecemento sostido do Grupo Gadisa que conta, na actualidade, con douscentos catorce supermercados propios, doce Cash Ifa e cento corenta e cinco franquicias Claudios en Galicia e Castela León.