As Rías Baixas sorrinlle ao Gordo de Nadal

Este bar de Sanxenxo foi un dos lugares afortunados
Este bar de Sanxenxo foi un dos lugares afortunados

RÍAS BAIXAS> O Gordo do Sorteo de Nadal foi parar para o número 03347. O premio estivo moi repartido por toda España. Tamén caeu na provincia de Pontevedra, con beliscos en Sanxenxo, Combarro e na cidade do Lérez. Este primeiro premio está dotado con 4.000.000 euros á serie, ou o que é o mesmo, 400.000 euros por décimo.

Na cidade de Pontevedra, a fortuna escolleu a administración de lotaría do Carrefour de Salcedo. Alí vendeuse un décimo do número gañador. As loteiras non disimulaban a súa ledicia, máis aínda cando levan á fronte do negocio pouco máis dun ano e medio.

Non moi lonxe de alí, no Concello de Poio, o Gordo fixo parada nun restaurante. Situado en Combarro, no ‘Hogar del Puerto’ comentábannos esta mañá que nunca viviran tanta felicidade como a de hoxe, sabendo que un dos seus clientes acababa de recibir, grazas a eles, o Gordo do Nadal.

Outro décimo dese primeiro premio foi para outro local hostaleiro, o ‘Gran Suqui’, situado no sanxenxino Paseo de Silgar. O seu propietario recoñecíanos estar ‘nervioso e sobrepasado’ coa cantidade de chamadas que estaba a recibir no bar unha vez saltou a boa nova.