GALICIA> España inicia o camiño cara a normalidade despois da pandemia do COVID-19. Pero antes de acadala, haberá que superar catro fases que marcarán a anhelada desescalada do confinamento.
Segundo acordou hoxe o Consello de Ministros, cada unha durará dúas semanas, e o goberno central agarda que a finais de xuño todo o estado a teña completado. Iso si, todos os avances serán seguidos de preto polo Ministerio de Sanidade, que vixiará as cifras de contaxios por coronavirus que se dean.
A fase de preparación xa arrincou o domingo cos paseos dos nenos. Ampliarase nos vindeiros días, permitindo os paseos dos adultos, o deporte individual e as primeiras concesións á actividade económica: locais con cita previa e restaurantes que sirvan comida a domicilio poderán abrir. A seguinte fase, a 1, profundará nestas medidas: apertura do pequeno comercio e das terrazas dos locais de hostalería ao 30% da ocupación. Tamén poderán retomar a actividade os hoteis, con restricións nos espazos comúns. A apertura do interior dos locais de hostalería, cines, teatros e salas de exposicións será na fase intermedia, sempre ao 30% da ocupación e con separación. Aquí tamén volverán á actividade algúns centros educativos como as escolas infantís. Ademais, permitiranse os espectáculos interiores con menos de 50 persoas e no exterior por debaixo das 400. Xa na fase avanzada, o comercio poderá acadar o 50% do aforo e relaxaranse as restricións na actividade hostaleira.
Deste xeito, a desescalada completarase nun mínimo de 6 semanas e nun máximo de 8.