O CEIP de Portosín demanda servizo de comedor e madrugadores para favorecer a conciliación

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia estudará a construción dun comedor no CEIP de Portosín. A dirección do centro solicitoulle o acondicionamento dun módulo para acoller este servizo que sería xestionado pola ANPA a través dunha empresa externa.

O CEIP de Portosín conta na actualidade cuns 120 alumnos dos aproximadamente unha terceira parte precisarían de servizo de comedor. Así se desprende dunha enquisa realizada polo colexio para estimar a demanda das familias á hora de pedir á Xunta o acondicionamento deste módulo como comedor. A ANPA demanda tamén o servizosde madrugadores para facilitar unha xornada máis ampla acorde coas necesidades das familias e os horarios laborais dos pais.

O delegado territorial da Xunta, que visitou esta mañá o centro acompañado do alcalde, comprometeuse a estudar esta demanda co obxectivo de facilitar a ampliación de servizos que favorezan a conciliación.

Durante a xuntanza cos membros da comunidade educativa, abordáronse tamén os novos retos de futuro en materia de educación coa construción do novo colexio que se emprazará na zona de Mariño e executarse en base ós parámetros do novo plan de arquitectura pedagóxica de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí