O PSOE de Muros aberto ao diálogo polo futuro do Concello

MUROS> O PSOE de Muros está disposto a falar co resto de forzas para tratar de acadar un goberno estable. Os socialistas esperarán a que sexa o PP, coma forza máis votada, o que inicie as negociacións. De non ser así, están dispostos a ser eles os que tomen a iniciativa.

Os resultados deste pasado domingo non foron o satisfactorios que desexaban dende o Partido Socialista. Aínda así as cousas están practicamente igual que hai catro anos e os socialistas teñen tamén posibilidades de facerse coa alcaldía. A candidata desta formación política, Caridad González, non descarta ningunha opción, mostrando a súa disponibilidade a negociar con calquera dos outros partidos, sen cordóns sanitarios.

O que si desexa a candidata socialista é que Muros consiga un goberno estable, vendo o resultado dun executivo en minoría, coma o vivido nestes últimos catro anos.