A marcha de Lola Elorduy abre unha crise interna no PP de Ribeira

    RIBEIRA> Sorpresa en Ribeira ante a repentina renuncia da concelleira popular Lola Elorduy. A que fóra número dous de Manuel Ruíz na anterior lexislatura, asumindo as competencias en Obras, abandona o PP e pasará a integrar o grupo mixto. Nada facía presaxiar a crise interna no PP de Ribeira que culminou coa saída dunha das mulleres fortes do executivo de Ruíz. Lola Elorduy, tenente alcalde e concelleira de Obras durante o anterior mandato, formalizou este martes a súa saída do grupo de goberno. A pesar de abandonar as filas populares non renunciará á súa acta de concelleira polo que pasará a integrar o grupo mixto. As razóns da súa precipitada saída son toda unha incógnita dado o mutismo absoluto que rodea o tema. E é que aínda que esta mañá en Ribeira non se falaba doutro asunto, os protagonistas non quixeron pronunciarse ó respecto. Fontes desta redacción tentaron, sen éxito, poñerse en contacto con Elorduy mentres que o alcalde rexeitou facer valoracións. Así as cousas, o executivo ribeirense queda composto por oito concelleiros que se repartirán as áreas de goberno do seguinte xeito. O alcalde Manuel Ruíz asumirá directamente as competencias en materia de Economía, Pesca, Infraestruturas e Urbanismo. Víctor Reiríz seguirá á fronte da concellería de Seguridade e Mobilidade Cidadá ó igual que Elvira Pereira que repite como edil de Medio Ambiente e Parque Natural. Aroa Fernández sumará Deportes ás competencias en Xuventude que xa asumira no mandato anterior. Esther Patiño volve á política activa como concelleira de Servizos Sociais e Igualdade mentres que Emilio Pérez Outeiral asumirá Benestar Comunitario. Pola súa banda, Fabiola García que se estrea como concelleira asumirá unha ampla carteira de servizos: Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura. Será ademais a tenente de alcalde. O importante peso desta nova incorporación, que concorreu ós comicios como número dous, podería estar detrás das desavinzas entre Ruíz e Elorduy aínda que, de momento, non se pronunciaron sobre os motivos reais da súa ruptura.