Arde parte dun serradoiro de madeira en Outes

OUTES> O suceso producíase ó redor das cinco desta pasada madrugada. Non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os danos materiais si foron cuantiosos. A rápida intervención dos equipos de emerxencias evitou que o incendio fora a máis.

A primeiras horas desta mañá os bombeiros continuaban refrixerando o foxo de serraduras para evitar que se reactivase o lume mentres que e o propio persoal do serradoiro encargábase tamén da súa retirada para evitar que se puidera propagar a outras zonas da nave que non resultaron danadas. O lume iniciábase ó redor das cinco desta pasada madrugada. Foi a chamada dunha familiar dos propios propietarios do serradoiro, que vive nas inmediacións, a que deu o aviso, ó ver como ardían as instalacións. Os donos da nave, con auga e extintores, foron os primeiros en intervir nas labores de extinción das lapas, ata a chegada do persoal de emerxencias.

Non houbo que lamentar danos persoais, xa que a esa hora non había actividade nas instalacións, mais os danos materiais si son cuantiosos, afectando a un tractor, unha cinta transportadora e unha serra, así como tamén a propia cuberta da nave.

A  orixe das lapas está a ser investigada, mais todo apunta a que puidera deberse a un fallo eléctrico no tractor que se atopaba no interior da nave.

Nas labores de extinción e control do incendio, que se prolongaron por máis de catro horas, participaron o GES de Muros, persoal dos parques de Bombeiros de Boiro e Ribeira, así como tamén unha autobomba do distrito forestal de Noia, que actuou de apoio para a dotación de auga.