O goberno de Varela custará aos vilagarciáns 20.000 euros menos ao ano que o de Fole

    VILAGARCÍA> O novo goberno de Vilagarcía custará aos arousáns 20 mil euros menos que o anterior. Cando menos, esa é a proposta que o equipo de Alberto Varela levará ao pleno de organización do vindeiro luns. Un cargo de confianza menos, dúas dedicacións exclusivas e tres parciais e un incremento da asignación aos grupos, son algunhas das medidas que recolle na proposta.

     

    Segundo os cálculos de Varela, o seu equipo custará aos veciños de Vilagarcía 20 mil euros menos ao ano que o que encabezaba Tomás Fole. O alcalde e a súa primeira tenente de alcalde, Tania García, terán dedicación exclusiva, cuns salarios de 51.600 e case 33 mil euros respectivamente, e non cobrarán por asistir a plenos ou comisións. Os concelleiros Lino Mouriño, Paola María e Sonia Outón, dedicacións parciais, cobrarán algo máis de 26.000 euros.

    O custo das liberacións compensaríanse coa supresión dun dos tres cargos de confianza que tiña Fole.

    Varela tamén propón incrementar a partida que reciben os grupos da corporación. Así, pasarían dos 200 euros fixos mensuais a cobrar 400. A parte variable, pola contra, diminuiría, baixando dos 323 euros por concelleiro aos 270.

    Esta proposta, que segundo o alcalde realizouse en base ás xuntanzas que mantivo co resto de grupos,  someterase a votación do resto da corporación no pleno de organización do vindeiro luns.

    Os representantes do concello nos diferentes órganos tamén se votarán no pleno do luns. No caso do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, o goberno concede un dos dous representantes a Esquerda Unida. Varela apuntou a que o vocal do Partido Socialista aínda está sen decidir, aínda que abriu a porta a que sexa Lino Mouriño quen ocupe este posto.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/02/varela_pleno_organizacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/02/varela_pleno_organizacion.mp4{/flowplayer}