Mar accede a reunirse co colectivo de a pé de Carril tralo balizamento

    VILAGARCIA> Continúa a polémica en torno ó balizamento das zonas para o marisqueo a pé e a flote na Praia da Concha- Compostela.

    {flowplayer}images/salnes/mariscadoras_pe_vilagarcia.flv{/flowplayer}

    Finalmente hoxe a Conselleira do Medio Rural e do Mar accedeu a reunirse co colectivo de a pé tras serlle solicitado por escrito polo Alcalde de Vilagarcía, quen intercedeu por elas. Agora a titular da Xunta asegura non ter problema en recibilas, sempre e cando deixen ós técnicos autonómicos delimitar este areal.

    A contestación das mariscadoras foi tan inmediata como rotunda: levan desde primeiros de febreiro reclamando esta xuntanza e agora non pode ser tralo balizamento, posto que precisamente este é o problema que queren negociar con ela. Así as cousas, as posturas distáncianse máis.

    Namentres desde o Goberno Autonómico cualifican de inaceptables estas presións cando xa se adoptaran os acordos oportunos, estas traballadoras aseguran que todo responde a un capricho do sector de a flote e da propia Conselleira que queren trasladar unha zona do Ramal que sempre foi súa ó colectivo masculino.

    Tras varios tiras e afrouxas nos que as mariscadoras non deixaban balizar a praia en contra dos seus intereses, hoxe puideron baixar á Compostela só a retirar o argazo sobrante para evitar que o marisco morra asfixiado. Mañá volverán a repetir a operación ata ser quen de sanear o areal.

    En consecuencia, as mariscadoras carrilexas piden pois que alguén se faga responsable das perdas que están a ter por non deixarlle traballar este espazo, onde elas sementaron.

    Redacción Salnés