Voluntarios de AMICOS axudan na conservación ambiental de Sálvora

    RIBEIRA> A asociación AMICOS do Barbanza colabora un ano máis co proxecto de voluntariado ambiental promovido pola Xunta de Galicia nas Illas Atlánticas. Os usuarios da entidade colaboran na retirada de especies invasoras así como na catalogación de elementos patrimoniais na Illa de Sálvora. Un grupo de voluntarios da asociación AMICOS partían do porto de Aguiño para embarcarse nunha nova edición do programa de voluntariado medioambiental. Un ano máis o destino foi a illa de Sálvora onde realizan tarefas de limpeza e conservación non só do ecosistema senón do valioso patrimonio existente na aldea de Sálvora. A nova directora xeral de voluntariado destacou o compromiso medioambiental de AMICOS, sumándose ano tras ano a este programa centrado no parque nacional das Illas Atlánticas.