Máis familias sen ingresos teñen que recorrer a Cáritas para pagar alimentos e medicinas

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/03/caritas_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/03/caritas_vilagarcia.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> Menos persoas atendidas pero con máis necesidades. Este podería ser o resumo do ano pasado para Cáritas Interparroquial de Arousa. Máis de 680 persoas recorreron á ONG para pedir algún tipo de axuda, sobre todo as relacionadas cos alimentos e co pago de gastos farmacéuticos. Tamén incrementou o número de familias sen ingresos que piden axuda á entidade.

Durante o 2014, 682 persoas recorreron ao servizo de atención primaria de Cáritas Interparroquial de Vilagarcía. As familias con menores e o colectivo xitano son os que máis recorreron á ONG.

As axudas para alimentos foron das máis demandadas, case duplicando as prestadas no 2013. Neste eido, Cáritas está mudando o sistema, completando o reparto de produtos non perecedeiros coa entrega de vales para a compra de alimentos frescos.

Os pagos dos gastos sanitarios tamén supuxo unha parte moi importante das axudas prestadas pola ONG.

A pesares destes datos, dende Cáritas apuntan a unha lixeira mellora da situación. Comparando o estalido da crise coa actualidade, son menos as persoas que piden axuda á entidade. Tamén as que recorren a eles precisan máis apoio que antes.

Sobre o perfil dos usuarios, as franxas de idade que máis acoden a Cáritas son dos 40 aos 49 anos e dos 30 aos 39. En canto ao comedor social, que no 2014 repartiu 15.800 comidas, a idade sobe ata os 50. O que diminúe é o número de estranxeiros que requiren da axuda de Cáritas.