Landín ve complicado un pacto co PSdeG de Barro: ‘Son a marca branca do BNG’

BARRO> Landín ve complicado un pacto co PSdeG que afaste ao BNG da alcaldía de Barro. O exrexedor ofreceu esta posibilidade aos socialistas pero dá por feito que o PSdeG apoiará ao equipo de Abraldes. Landín cualifica ao PSOE como a marca branca do BNG en Galicia.

Nestas últimas eleccións presentouse en Barro un novo partido liderado polo antigo alcalde popular Antonio Landín. Unha formación que nacía para ofrecer unha alternativa aos 8 anos de goberno do BNG. O partido conseguiu dous concelleiros na súa primeira experiencia nas urnas.

Xuntos por Barro naceu despois de que os populares quixeran afastar a Landín da cabeza da formación. As urnas demostran que o antigo rexedor mantén máis apoios que o seu anterior partido.

Co resultado das eleccións o BNG perdeu a maioría absoluta, co que Landín abre á porta á posibilidade dun goberno en coalición entre PSdeG, Xuntos e PP. Polo de agora non houbo resposta a esta oferta.

Dende o equipo de Landín dan por feito que socialistas e nacionalistas gobernarán en conxunto, criticando a actuación do PSdeG.

Xuntos por Barro agarda que esta unión non supoña un incremento en salarios políticos que afecten ás arcas da vila. Tamén critica a forma de gobernar do BNG.

Polo de agora descoñécese se as negociacións entre o BNG e o PSdeG están avanzadas. De non descubrirse máis datos, haberá que agardar ata o día 17 para coñecer a composición do vindeiro goberno da vila.