BOIRO > O convenio entre o concello de Boiro e a Sociedade Erosmer Ibérica para a cesión do Pazo de Goiáns segue a xerar polémica. Tralo pleno extraordinario celebrado o pasado martes, o segundo tenente alcalde, Manuel Velo, compareceu en rolda de prensa para respostar á oposición algúns puntos que non puideron ser aclarados no transcurso da sesión plenaria.
Manuel Velo quixo deixar claro, en resposta ás preguntas formuladas polo voceiro do Partido Popular, que o convenio en trámites non suporá ningunha perda para os propietarios dos terreos posto que os veciños recibirán un 45 por cento de edificabilidade.
Neste sentido, o executivo, ademais de trasladar os cincuenta mil metros edificables de Eroski, procederá á recalificación de varias parcelas para darlle ós propietarios a edificabilidade que lles corresponde.
Así mesmo, o concello reservarase a titularidade de preto de duascentas cincuenta vivendas así como áreas reservadas para zonas verdes e espazos dotacionais.
O segundo tenente de alcalde e voceiro de ICBoiro tamén aclarou as actuacións barallados polo executivo para o Pazo de Goiáns, a petición do voceiro da oposición.
Segundo Velo, aínda non se ten plantexado ningún proxecto posto que o pazo non é, polo momento, propiedade do concello pero apuntou diversas alternativas posibles como a creación dunha residencia de anciáns ou un centro etnográfico que contribuiría a fomentar o turismo cultural na zona.
Así mesmo, Velo pediu á oposición que deixe de acusar ó goberno de ‘pelotazo’ como xa ten feito en reiteradas ocasións. Neste sentido, referiuse ó convenio urbanístico asinado por Eroski e o concello de Lalín no ano 2001 para a recalificación dunha vella canteira a cambio de máis de cento oitenta mil euros. Manuel Velo considera que este feito constitúe un agravio comparativo tendo en conta a cesión do Pazo de Goiáns xestionada polo anterior goberno do PP.
Redacción Barbanza